Sunday 28 de April de 2024

A Xunta salienta a internacionalización da economía e a promoción da cultura galega como eixos das viaxes ao exterior


O director xeral de Relacións Exteriores compareceu no Parlamento para dar conta dos viaxes dos altos cargos do Goberno galego ao exterior no último semestre deste ano

A Xunta salienta que as viaxes dos conselleiros e altos cargos do Goberno galego tiveron como resultado mellorar os índices de internacionalización da economía galega, promocionar a lingua e a cultura e defender os intereses de Galicia no mundo. Así o explicou hoxe o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, na súa comparecencia semestral no Parlamento en cumprimento do previsto no Código ético institucional da Xunta, que recolle os criterios básicos para a regulación das viaxes ao exterior dos altos cargos da Administración autonómica galega.

Segundo relatou o director xeral, pola súa singular transcendencia destaca a viaxe do Presidente da Xunta a Italia entre os día 13 e 15 de setembro. O froito máis salientable desta viaxe foi a sinatura dun Memorando de Entendemento coa FAO, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e maila Agricultura, acto no que estivo acompañado polo secretario xeral do Mar. Previamente a esta viaxe a Roma por mor da sinatura dese Memorando coa FAO, o Presidente da Xunta aproveitou para dar cumprimento ao convite feito polas autoridades italianas e se achegar á Exposición Universal de Milán, celebrada baixo o lema “Alimentar o planeta. Enerxía para a vida”, cadrando co Día de Honra de Galicia no pavillón de España.

O director xeral destacou, ademais, que se mantivo unha contención e austeridade nos desprazamentos institucionais ao exterior, ficando todos xustificados polo desenvolvemento das competencias autonómicas con proxección foránea e, singularmente, pola promoción e defensa dos intereses socioeconómicos e culturais do país, centrándoos no eido comercial, así como na intensificación das relacións coa Lusofonía.

Decreto de acción exterior
Durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria, Gamallo expuxo o marco xurídico recentemente definido polo novo decreto que regula a acción exterior da nosa Comunidade Autónoma, publicado no Diario Oficial de Galicia do 7 de decembro.

Este decreto pretende sistematizar, codificar e mellorar a regulación autonómica xa existente, desenvolvendo ademais a adaptación ao novo contexto económico e xurídico, determinado polas leis estatais de Acción Exterior e de tratados pola nova programación dos Fondos da UE.

O decreto ten como obxectivo profundizar nunha acción exterior eficaz e útil dada a súa natureza evidentemente transversal. Segundo explicou o director xeral, a Xunta entende que este obxectivo só se pode cumprir cunha boa coordinación interna e cunha relación fluída coa Administración Xeral do Estado. O decreto ordena e sistematiza normas e acordos preexistentes e novidades moi salientables, como a elaboración dunha Estratexia de Acción exterior de Galicia, un Plan, participativo e integrador, que inclúe a todos os sectores e axentes con dimensión exterior.

Con este decreto, a Xunta de Galicia convértese na primeira Comunidade Autónoma disposta a aproveitar de maneira rigorosa e protocolizada a posibilidade de que funcionarios e responsables políticos galegos poidan, ademais de impulsar, participar persoalmente nas negociacións internacionais tendentes á asinar Tratados que incidan sobre competencias e intereses galegos. Asemade, establece as canles de tratamento da información reservada que forneza o Estado para lle dar conta das negociacións en curso con terceiros Estados ou con Organizacións Internacionais. Desta maneira Galicia aspira a elevar o listón da súa autonomía dentro da legalidade e do marco constitucional dun xeito práctico e responsable, sen declaracións baleiras, maximalistas e puramente testemuñais.